Cando a Virxe andaba polo mundo, disque despois de ter percorrido terras, chegou un día á cidade de Valverde; alí toda a familia era pagá, malvadosa e descrida; a Virxe, a tal ver, atristouse moito. Era tanta a perdiciónque alí había entre homes e mulleres que espaventaba; por ningures deu oca fe nin atopou caridade; tampouco había nin un só cristián.
A Virxe seguiu a seu camiño sen se deter, que non quixo cousa con aquela xente; cavilou que unha cidade como aquela era merecente dunha punición polo Señor.
Despois de rubir unhaencosta longa como o penar dos condenados cansa e sen foltos, co Meniño no colo, chegou en cabo a unha casiña no alto do monte; parou a descansar ao agarimo da sombra da barra que tinña diante da porta e, ao pouco de estar alí, veu a dona da casa a lle ofrecer unha cunca de leite e un carolo de boroa.
Fala que faa, a Virxe soubo que alí vivían home e muller, e que eran os únicos cristiáns que había na bisbarra toda, e que vivían afastados da cidade porque nin eles gustaban do vivir que alò facían, nin eran ben mirados polos outros.
A Virxe soubo tamén que, como o home tiña baixado á cidade para facer algúns mandados, e despois de ter acougado unpouco, seguiu a andar camiño endiante.
Chegaba ça vila o home da casa do monte cando oíu berrar unha muller a pedir socorro; púxose a escoitar e daquela, espavorido, quixo comprender que era a voz da súa perenta chamando por el para que lle valese. E ao volver a cabeza, viuna no mesmo camiño que el viña de pasar: a pobre loitaba con desespero por se defender duns homes que a querían matar.
Des que viu a muller en tan grande perigo, o home pillou a escape cabo dela para lle valer e viuna como, ceibándose daqueles malvadosos, fuxía cafra á casa perseguida por eles; o home corría ben, mais a fato que el seguía avantaba moito máis e non tardou en deixalos de ver ao se perderen nunha revolta do camiño; o home daquela, facendo un esforzo, correu moito máis e, cando chegou a albiscar a casa, xa de lonxe viu á súa muller sentada na porta como cando a deixara a Virxe. Ao chegar ao pé dela, o home contoulle a aparición que se lle presentara e, estando nestas falas, oíron o estronicio máis grande do mundo, e sentirion, sen o ver, o balbor de moita auga de choiva a caer do ceo, seguido de enxordecedor murmurio da enxurrada a levar cantoo atopaba por diante.
Sen se dicir cousa, home e muller, levados dun mesmo pensamento, ollaron os dous para a cidade maldita e vírona asolagada.
Hoxe hai no lugar onde outrora estivera a cidade unha lagoa, a de Doniños, que ten no medio do pozo que traga a cantos teñen a desgraza de pasar por riba del, maisque a lancha que os leve sexa das meirandes e mariñeiras.
Doniños, Ferrol.
No hay comentarios:
Publicar un comentario